Saturday 27 de April de 2024

A Xunta apoia con 113.000 euros os gastos de funcionamento das 61 Agrupacións de Voluntarios Protección Civil da provincia da Coruña


• O DOG publicou onte a resolución da convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de agrupacións dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes

• Estas axudas complementan a outra orde de axudas anual a través da que o Goberno galego dota de equipamento de emerxencias ás AVPC

A Xunta de Galicia publicou as axudas destinadas a financiar os gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina un orzamento de 113.000 euros.

As achegas do Goberno galego permitirán apoiar a un total de 61 agrupacións de voluntarios de Protección Civil provincia da Coruña.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións. Estes apoios complementan a outra orde de axudas anual a través da que o Goberno galego dota de equipamento de emerxencias ás AVPC

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes, a través da que o ano pasado se concederon 932.400 euros a 87 concellos galegos e 2 mancomunidades.

O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC na comunidade e tamén dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) supón case 20 millóns de euros. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias reciben formación neste eido.